martes, 20 de abril de 2010

Jesus Ferreiro sae gañando de Asturias




Continuando co seu periplo asturiano iniciado recentemente, Jesús Ferreiro e Javier Anido acudiron o pasado fin de semana á localidade de Tineo para participar na primeira cita do rexional de rallyes do Principado de Asturias, que ademais contou cun espectacular participación, tanto en calidade coma en cantidade.

Debido a iso non ía ser doado obter unha boa clasificación, aínda que unha vez máis Ferreiro deu mostras do seu bo facer, rematando oitavo da xeral e dominando claramente a categoría de Históricos.
O Rallye de Tineo disputouse este ano en dúas etapas, unha o sábado pola tarde e outra o domingo pola mañá, con catro tramos en cada unha delas. A pesar dalgún toque no primeiro tramo, Jesús Ferreiro e Javier Anido levaron o seu Ford Escort RS MKI coa habitual eficacia e espectacularidade á que teñen afeitos aos numerosos afeccionados que seguiron a proba, redondeando todo iso cunha fantástica actuación.
Por outra parte hai que recordar que Jesús Ferreiro estará tamén o 1 de maio no Racingshow Caixanova, unha proba espectáculo que se disputa no Recinto Feiral de Vigo, dentro do marco do Salón do Automóbil da cidade olívica. A iso haberá que engadir que os membros do seu equipo, Melide Motorsport, tamén acudirán ao evento para promover a segunda edición do Rallye de Galicia Histórico-Camiño de Santiago, que se celebrará o próximo mes de setembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario