viernes, 4 de junio de 2010

Rally complicado para os Burgo


A pesar dos problemas durante toda a carreira, os Burgo lograron finalizar cuartos na clasificación xeral e ser segundos na Copa de España de Grupo N.

Non foi unha proba sinxela á que se enfrontaron este sábado os irmáns Burgo no Rally Rías Baixas Vodafone. Os constantes cambios de climatoloxía fixeron moi complicada a elección dos compostos cos que saír a competir. Unha mala selección por parte de Pedro e Marcos fixo que en toda a carreira non acabasen de encontrarse cómodos no seu Mitsubishi EVO X e lles impedise loitar polo segundo posto na clasificación xeral. A pesar de todo, os de Lugo lograron rematar nun meritorio cuarto posto da xeral e ser segundos na Copa de España de Grupo N.

Non acertamos á hora de escoller os pneumáticos e isto supuxo un importante hándicap para nós. Iso fixo que non estivésemos cómodos en ningún momento e sobre todo que non arriscásemos ao máximo por medo a unha saída de estrada que podería custarnos moi caro. Ímonos con certo sentimento agridoce porque tivemos a oportunidade de quedar no podio e mesmo de loitar polo segundo posto. Agora en Ourense esperamos ter ese plus de fortuna que nos faltou ata agora e lograr un mellor resultado. Así se expresaba ao final da proba Pedro Burgo.

Tras a proba disputada en Vigo, o Campionato de España seguirá co seu periplo por terras galegas. A seguinte parada será en Ourense, os días 19 e 20 de xuño. E alí estarán os irmáns Burgo e o seu Mitsubishi EVO X dispostos a dar moito de que falar.

Sensacional segunda posición de Alberto Meira e Álvaro Bañobre no Rías Baixas


Un soño feito realidade

Cando hai uns cantos anos Alberto Meira colaboraba na montaxe do Rías Baixas, entre os seus sonos de afeccionado aos rallys estaba o de poder competir algún día na proba 'de casa'. Pero probablemente nin sequera no máis optimista deses sonos figuraba a posibilidade de subir un día ao podio, competindo de ti a ti coa elite do Nacional de rallys. E xusto isto último é o que conseguían o sábado 29 de maio o piloto vigués e o seu copiloto Álvaro Bañobre, segundos clasificados na 46ª edición do Rías, tras un rally fantástico co seu Mitsubishi Evo X.

Nunha xornada que empezou coa chuvia como factor adicional, Alberto liderou mesmo o rally tras marcar o mellor crono na primeira especial, As Neves, un tramo que lle gusta especialmente e no que se impuxo aproveitando ao máximo as difíciles condicións do asfalto.

Tras este espectacular arranque, Meira situouse na segunda posición da xeral, por detrás do inalcanzable Skoda S2000 de Alberto Hevia, pero mantendo raia ao resto de punteiros da cuarta proba do Campionato de España. O de Vincios controlou en todo momento a situación de carreira, rodando a moi alto ritmo e mantendo unha confortable vantaxe sobre o trío formado por Miguel Fuster, Pedro Burgo, e Jonathan Pérez, que tiveron que conformarse con loitar pola terceira praza.

Gran resultado de Jesús Ferreiro no Rally de Portugal


Brillante resultado o conseguido por Jesús Ferreiro e Roberto Lorenzo no Rally de Portugal, compartindo tramos e escenario coa proba do Mundial de rallys disputada de modo paralelo á categoría Revival na que participaba o equipo galego, que unha vez máis deu mostras do seu bo facer logrando a segunda posición, tras todo un catro veces campión do mundo como é Juha Kankkunen, tamén pilotando un Ford como o piloto de Melide.



Ferreiro acudía a esta cita, convocada por primeira vez, cunha grande ilusión pois supoñía unha oportunidade única de aproximarse aos equipos do Mundial, xa que mesmo a súa participación se iniciaba na xornada do xoves no mesmo Estadio do Algarve, onde tanto os históricos coma os inscritos no Mundial disputaban un tramo espectáculo.

Durante a xornada do sábado realizábanse tres especiais sobre terra, as cales se encontraban bastante rotas debido ao paso con anterioridade dos coches WRC do Mundial, que coa súa tracción total degradaba demasiado as pistas. Ferreiro lograba cronos brillantes e situábase terceiro, segundo e quinto nos tres tramos realizados, rematando esta primeira etapa na terceira posición da clasificación xeral.

O domingo disputábanse dous tramos máis sobre as pistas situadas ao norte de Faro, pechando a proba co Estadio do Algarve. Ferreiro era segundo no primeiro, pero gañaba os dous últimos, saíndo mesmo emparellado con Juha Kankkunen no tramo espectáculo do Estadio, ao que superaba por algo máis de dous segundos.

O balance final botaba unha excelente e espectacular segunda posición, sendo superado unicamente por un Juha Kankkunen que se mostrou moi superior, tanto en pilotaxe coma nos medios despregados. Non é que o Ford Escort MKI de Jesús Ferreiro se comportase mal, senón que o deficiente estado das especiais cronometradas incitaba a non atacar en exceso para evitar que algo puidese romper, ademais de intentar conservar do mellor xeito posible os pneumáticos. Non cabe de dúbida de que Jesús Ferreiro e Roberto Lorenzo demostraron unha vez máis o que poden dar de si ante unha competencia de moito nivel, algún tan recoñecido como o local Joaquim Santos, quen non puido rematar a proba.Clasificación final Rallye de Portugal Revival

1º Juha Kankkunen-Nicky Grist (Ford Escort RS 1800 MKII), 1 h 37:01.9

2º Jesús Ferreiro-Roberto Lorenzo (Ford Escort RS 1800 MKI), a 3:27.0

3º Geoffrey Bell-Stefan Parmander (Ford Escort RS 1800 MKII), a 4:23.5