viernes, 4 de junio de 2010

Gran resultado de Jesús Ferreiro no Rally de Portugal


Brillante resultado o conseguido por Jesús Ferreiro e Roberto Lorenzo no Rally de Portugal, compartindo tramos e escenario coa proba do Mundial de rallys disputada de modo paralelo á categoría Revival na que participaba o equipo galego, que unha vez máis deu mostras do seu bo facer logrando a segunda posición, tras todo un catro veces campión do mundo como é Juha Kankkunen, tamén pilotando un Ford como o piloto de Melide.



Ferreiro acudía a esta cita, convocada por primeira vez, cunha grande ilusión pois supoñía unha oportunidade única de aproximarse aos equipos do Mundial, xa que mesmo a súa participación se iniciaba na xornada do xoves no mesmo Estadio do Algarve, onde tanto os históricos coma os inscritos no Mundial disputaban un tramo espectáculo.

Durante a xornada do sábado realizábanse tres especiais sobre terra, as cales se encontraban bastante rotas debido ao paso con anterioridade dos coches WRC do Mundial, que coa súa tracción total degradaba demasiado as pistas. Ferreiro lograba cronos brillantes e situábase terceiro, segundo e quinto nos tres tramos realizados, rematando esta primeira etapa na terceira posición da clasificación xeral.

O domingo disputábanse dous tramos máis sobre as pistas situadas ao norte de Faro, pechando a proba co Estadio do Algarve. Ferreiro era segundo no primeiro, pero gañaba os dous últimos, saíndo mesmo emparellado con Juha Kankkunen no tramo espectáculo do Estadio, ao que superaba por algo máis de dous segundos.

O balance final botaba unha excelente e espectacular segunda posición, sendo superado unicamente por un Juha Kankkunen que se mostrou moi superior, tanto en pilotaxe coma nos medios despregados. Non é que o Ford Escort MKI de Jesús Ferreiro se comportase mal, senón que o deficiente estado das especiais cronometradas incitaba a non atacar en exceso para evitar que algo puidese romper, ademais de intentar conservar do mellor xeito posible os pneumáticos. Non cabe de dúbida de que Jesús Ferreiro e Roberto Lorenzo demostraron unha vez máis o que poden dar de si ante unha competencia de moito nivel, algún tan recoñecido como o local Joaquim Santos, quen non puido rematar a proba.Clasificación final Rallye de Portugal Revival

1º Juha Kankkunen-Nicky Grist (Ford Escort RS 1800 MKII), 1 h 37:01.9

2º Jesús Ferreiro-Roberto Lorenzo (Ford Escort RS 1800 MKI), a 3:27.0

3º Geoffrey Bell-Stefan Parmander (Ford Escort RS 1800 MKII), a 4:23.5

No hay comentarios:

Publicar un comentario